e BAUTISMO de LOIS
sábado, 30 de diciembre de 2017
jueves, 28 de diciembre de 2017
lunes, 25 de diciembre de 2017
24 e 25 de NADAL en imaxes
NA RESIDENCIA DE MAIORES DE RIVEIRA
O CARTEIRO REAL EN SANTA CLARA
O CARTEIRO REAL EN SANTA UXÍA
25 DE NADAL
UN GRAN EQUIPO
QUE TEN COMO CENTRO
A XESÚS
sábado, 23 de diciembre de 2017
FELICITACIÓN DE NADAL
É a primeira
vez que teño a ocasión de dirixirme á parroquia de Riveira nas festas de Nadal.
E é o meu desexo superar calquera risco de facelo porque toca, por costume, ou
simplemente porque mo piden. Gustaríame chegar a todas as casas, a todas as
persoas, rompendo toda barreira que impida o encontro, o entendemento, a
harmonía, a paz. Somos diferentes, somos iguais, a pluralidade é riqueza e o Nadal
é encontro, sorpresa, é Deus connosco, é actitude de escoita e de diálogo, é
recuperar a actividade do corazón que imprime humildade, que suxire perdón e
que abre espazo á esperanza. Levo pouco tempo entre vós, pero o suficiente para
saber que os que me estades escoitando ou os que ledes esta pequena reflexión
sodes homes, mulleres, familias, maiores, enfermos, nenos… que levades no voso
corazón unha necesidade, unha esperanza, un sufrimento, unha preocupación, unha
ilusión ou unha frustración. A todos vós quero facer chegar esta felicitación de
Nadal en forma de reflexión, de oración e de proposta para estes días.
A inercia fai
que grandes acontecementos da nosa vida deixen de ser extraordinarios. O tempo
previo ao Nadal é unha invitación para preparar e estar preparados para
celebrar con gozo esta festa. Pero, a preparar que? A finais de novembro e
comezos de decembro as rúas comezan a sufrir un cambio, unha transformación que
as enche de cor e alegría. O calendario atéigase de ceas de empresa e de
traballo. Supermercados e tendas ofrecen produtos típicos do tempo. A
publicidade multiplícase e as súas mensaxes chegan a todas as casas. As redes
sociais fanse eco dos mellores sentimentos da sociedade. E podiamos seguir
describindo este tempo coas súas comidas familiares, cos consabidos agasallos
de Nadal e Reis,… E ao final destes días, unha especie de tregua no traballo ou
estudos, volvemos á a vida ordinaria, ao de sempre.
Cando o Papa
Francisco fala do Nadal descríbeo como un descubrir a tenrura de Deus e
convídanos a deternos ante o pesebre.
Non tedes a sensación de que enchemos o Nadal de “cousas”? Non vos parece que,
máis que descubrir e deternos a contemplar, convertemos o Nadal en ruído e
gastos superfluos, e poñemos no centro da mesma só comida, bebida e traxes de
festa? Que celebramos? Non semella que, aos poucos, o Nadal está a deixar de
ser un acontecemento extraordinario na nosa vida, tanto a nivel persoal como
comunitario, e que a o baleiramos de significado e sentido?
Entre tantas
mensaxes e bos desexos que estades a recibir estos días, eu anímovos a vivir un
auténtico Nadal, que non deixe de ter en conta os agasallos, a xuntanza, o
compartir,… pero que esté impregnado da tenrura de Deus.
Porque Nadal non
son os custosos agasallos e o consumismo e as rúas cheas de luces.
Porque Nadal
non é celebrar coa túa familia e os teus amigos, esquecéndote dos demais.
Porque Nadal
non é regalar uns poucos xoguetes aos Nenos pobres, pero esquecer durante todo
o ano a esos mesmos nenos pobres.
Porque Nadal
non é cear con moitísima abundancia, mentres tantas familias viven sen o
necesario.
Porque Nadal
non é dicir que acollemos a Deus cando non acollemos a todas as persoas, sobre
todo ás que sofren ou que se senten soas.
Un Nadal que
ten no centro a Xesús, ás nosas familias, e especialmente, aos máis vulnerables
da sociedade, convértese nun verdadeiro Nadal.
Un Nadal celebrado
con sinxela alegría, sen malgastar. Un Nadal Cristián é un Nadal con Xesús que
nace pobre e entre os pobres, que é Deus connosco e que nos manifesta o Amor, a
tenrura de Deus e a súa clara vontade e chamada para que fagamos un mundo máis fraterno e máis xusto. Ese si é un verdadeiro
Nadal.
Non te deixes
arrastrar pola inercia e coa humildade de quen se sabe pobre, descubre a
tenrura de Deus nestes días, achégate a celebrar que Deus está no medio de nós,
abre as portas do teu corazón ao seu amor e misericordia, déixate inundar pola
súa luz e a súa paz; e aos pés do pesebre, coa sinxeleza dos pastores, achega a
Xesús toda a túa realidade e o nome de cada unha das persoas que queres. Deus
ven a reconciliar, a traer a paz, a contaxiar ilusión, a crear unidade. Non
perdas esta oportunidade.
Feliz Nadal 2017
Alfonso Mera
Cura Párroco de Santa Uxía de
Riveira
Suscribirse a:
Entradas (Atom)