sábado, 23 de diciembre de 2017

FELICITACIÓN DE NADAL



É a primeira vez que teño a ocasión de dirixirme á parroquia de Riveira nas festas de Nadal. E é o meu desexo superar calquera risco de facelo porque toca, por costume, ou simplemente porque mo piden. Gustaríame chegar a todas as casas, a todas as persoas, rompendo toda barreira que impida o encontro, o entendemento, a harmonía, a paz. Somos diferentes, somos iguais, a pluralidade é riqueza e o Nadal é encontro, sorpresa, é Deus connosco, é actitude de escoita e de diálogo, é recuperar a actividade do corazón que imprime humildade, que suxire perdón e que abre espazo á esperanza. Levo pouco tempo entre vós, pero o suficiente para saber que os que me estades escoitando ou os que ledes esta pequena reflexión sodes homes, mulleres, familias, maiores, enfermos, nenos… que levades no voso corazón unha necesidade, unha esperanza, un sufrimento, unha preocupación, unha ilusión ou unha frustración. A todos vós quero facer chegar esta felicitación de Nadal en forma de reflexión, de oración e de proposta para estes días.
A inercia fai que grandes acontecementos da nosa vida deixen de ser extraordinarios. O tempo previo ao Nadal é unha invitación para preparar e estar preparados para celebrar con gozo esta festa. Pero, a preparar que? A finais de novembro e comezos de decembro as rúas comezan a sufrir un cambio, unha transformación que as enche de cor e alegría. O calendario atéigase de ceas de empresa e de traballo. Supermercados e tendas ofrecen produtos típicos do tempo. A publicidade multiplícase e as súas mensaxes chegan a todas as casas. As redes sociais fanse eco dos mellores sentimentos da sociedade. E podiamos seguir describindo este tempo coas súas comidas familiares, cos consabidos agasallos de Nadal e Reis,… E ao final destes días, unha especie de tregua no traballo ou estudos, volvemos á a vida ordinaria, ao de sempre.
Cando o Papa Francisco fala do Nadal descríbeo como un descubrir a tenrura de Deus e convídanos a deternos ante o  pesebre. Non tedes a sensación de que enchemos o Nadal de “cousas”? Non vos parece que, máis que descubrir e deternos a contemplar, convertemos o Nadal en ruído e gastos superfluos, e poñemos no centro da mesma só comida, bebida e traxes de festa? Que celebramos? Non semella que, aos poucos, o Nadal está a deixar de ser un acontecemento extraordinario na nosa vida, tanto a nivel persoal como comunitario, e que a o baleiramos de significado e sentido?
Entre tantas mensaxes e bos desexos que estades a recibir estos días, eu anímovos a vivir un auténtico Nadal, que non deixe de ter en conta os agasallos, a xuntanza, o compartir,… pero que esté impregnado da tenrura de Deus.
Porque Nadal non son os custosos agasallos e o consumismo e as rúas cheas de luces.
Porque Nadal non é celebrar coa túa familia e os teus amigos, esquecéndote dos demais.
Porque Nadal non é regalar uns poucos xoguetes aos Nenos pobres, pero esquecer durante todo o ano a esos mesmos nenos pobres.
Porque Nadal non é cear con moitísima abundancia, mentres tantas familias viven sen o necesario.
Porque Nadal non é dicir que acollemos a Deus cando non acollemos a todas as persoas, sobre todo ás que sofren ou que se senten soas.
Un Nadal que ten no centro a Xesús, ás nosas familias, e especialmente, aos máis vulnerables da sociedade, convértese nun verdadeiro Nadal.

Un Nadal celebrado con sinxela alegría, sen malgastar. Un Nadal Cristián é un Nadal con Xesús que nace pobre e entre os pobres, que é Deus connosco e que nos manifesta o Amor, a tenrura de Deus e a súa clara vontade e chamada para que fagamos un mundo máis  fraterno e máis xusto. Ese si é un verdadeiro Nadal.
Non te deixes arrastrar pola inercia e coa humildade de quen se sabe pobre, descubre a tenrura de Deus nestes días, achégate a celebrar que Deus está no medio de nós, abre as portas do teu corazón ao seu amor e misericordia, déixate inundar pola súa luz e a súa paz; e aos pés do pesebre, coa sinxeleza dos pastores, achega a Xesús toda a túa realidade e o nome de cada unha das persoas que queres. Deus ven a reconciliar, a traer a paz, a contaxiar ilusión, a crear unidade. Non perdas esta oportunidade.

Feliz Nadal 2017

Alfonso Mera 

Cura Párroco de Santa Uxía de Riveira

No hay comentarios:

Publicar un comentario