EVOLUCIÓN
O lema da xornada mundial do Alzheimer: evolución. Se as necesidades evolucionan as respostas a estas necesidades precisan de facelo da mesma maneira. Hai novas necesidades que precisan novos coidados e novas atencións.
É parte da reflexión que fai a confederación española do alzheimer. Especialmente fágome eco desta frase: “e é que a rutina de mirar moito tempo o mesmo escenario pode impedir ver e comprender os cambios que neste se producen”. Sensibilización para unha mellor prevención desta patoloxía á que denominan “epidemia do século XXI”, pero tamén unha mirada máis atenta e profunda para saber responder ás novas situacións cas que nos atopamos. Unha mirada máis atenta e profunda a quen a sufre directamente para ofrecer unha mellor calidade de vida ante unha situación na que un é desposeído de todo, e tamén ao seu entorno que moitas veces non sabe como reaccionar.
A Residencia de Maiores Domus Vi de Riveira ven de romper con esa rutina que nos impide ver a realidade ou que nos axuda a escapar dela. O venres 20 de setembro, anticipándose un día á xornada mundial, fixo un pequeno e importante recorrido que suma novos pasos á “Kilómetros para recordar”, fundación que ten como fin axudar á investigación do alzheimer. A sociedade en xeral temos que agradecer a quen, moitas veces desde a máis pura debilidade, esperta a nosa indiferencia e pasividade ante situacións que pode que hoxe non nos afecten directamente pero que de non ser coñecidas, na actualidade xa son comúns entre nós e, en moitos casos, xa nos afectan moi de preto.
Que nada nos roube a memoria e que entre todos sumemos metros e kilómetros para recordar.