Sobran os que se queren sentar e sentan orgullosos na mesa dos ricos. Ricos non só no económico, nin no prestixio senón polos dons que recibiron de simpatía, de alegría, de sorte, de cariño... Un complica a vida cando se senta na mesa dos pobres, porque sentar cos pobres, cos que non teñen a mellor fama, cos que por non ter non teñen nin esperanza, cos pecadores, fai que te identifiques e, sobre todo, que te identifiquen como débil ou insensato.
A crítica, o desprecio, a marxinación, a opresión, a falta de compasión veñen sempre dos mellor situados. A indiferencia, a pasividade e o egoísmo son case sempre froito de non coñecer o que significa ter necesidade.
Aos que somos ricos Xesús non nos di nada. Para os pobres é esperanza e consolo. Entre os ricos pasa desapercibido. Os pobres e pecadores acólleno e alégranse de que Xesús sente con eles. É ben certo que non teñen necesidade de médico os sans senón os enfermos pero todos, sans e enfermos, queremos unha boa seguridade social, "non sexa o demo!". A fraxilidade da vida de contado nos mostra que a nosa autosuficiencia rompe fácilmente coma o cristal e que a riqueza esconde non máis que a apariencia que temos de ser ricos.
Ademais, sentar cos pecadores, comer con eles é unha actitude extraordinaria xa que significa o paso de que te identifiquen ou te identifiques como débil a ser débil no medio dos débiles. Dicimos que é fácil predicar, que é máis difícil dar trigo. Sentarse e compartir mesa significa pasar de predicar a complicarse a vida. Esta é a actitude de Xesús. O camiño do Calvario non é alarde dunha capacidade extraordinaria de sufrimento absurdo; é froito de sentarse cos pecadores.
Canto: He venido para que viváis (pincha aquí)