domingo, 8 de marzo de 2020

DOMINGO II DE CORESMA


    Despois do traballo que costa asentarse, atopar un sitio no que sentirse cómodo, é un fastidio que te fagan mover. Un dos fins da vida de hoxe semella que é conseguir estar instalados e cómodos. A primeira lectura de hoxe presenta a Abrán quen, salvando as distancias de tempo e tipo de vida, está asentado nunha realidade que lle costou atopar. E agora Deus dille "Sal da túa terra e ... ponte en camiño" Así é a vocación: unha chamada que en moitos casos significa deixar seguridades e comodidades para comezar de novo, guiándote só pola confianza en quen te chama. Supón arriscalo todo. A actitude de Abrán convírteo no Pai da fe de toda a humanidade coa promesa de Deus de bendecilo a el e á súa descendecia. 


     A pasaxe do evanxeo de hoxe ven precedida do final do capítulo 16 de Mateo onde Xesús di "que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar" ao tempo que aos discípulos lles aclara que significa seguilo: "Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga". Vamos, que a sorte que vai a correr Xesús e o atractivo de ser discípulos queda claro para quen alegremente se plantexe poñerse en camiño.

     É necesario subir ao monte da transfiguración. Se tes a capacidade de escoitar a chamada do Señor, se te fías del e te pos en camiño; se decides cargar coa cruz de cada día, deixando atrás as seguridades e comodidades, renunciando a ti mesmo e entregando a túa vida a Deus e aos demáis; se te comprometes a levar ata as últimas consecuencias o amor a Deus e aos teus irmáns e configuras así a túa vida á de Xesús, entón é necesario subir ao monte da transfiguración, lugar de encontro con Deus e anticipo da gloria á que estamos chamados.

      Para os discípulos non tiña sentido a novidade que presenta Xesús: como vai a sufrir o Mesías? como se pode entender que fale da morte, e morte por execución? Cargar coa cruz? Só desde o monte da transfiguración se entende. Hai que subir, recoñecer a Xesús como Mesías, o Fillo que ven a cumprir as promesas de Deus, quen é mais que a lei (Moisés) e os profetas (Elías). Ten que haber un encontro con Deus que me anime a seguir, coa convicción de que a vontade de Deus non é o fracaso do home senón a Resurrección. Que vivir na seguridade e na comodidade, reservala vida non me asegura vivir plena e eternamente. E que, en cambio, a eternidade e a plena realización do home e da muller está en dala vida. Unha vez máis facémonos eco de que non hai gloria sen pasión, e de que é preciso subir e baixar ao monte da transfiguración continuamente.

Canto: Subiré a la montaña. (Pincha aquí)


No hay comentarios:

Publicar un comentario