martes, 7 de abril de 2020

A Covid-19, as crenzas e a vida eterna

O rostro máis inapelable da pandemia de Covid-19 refléxano o crecente número de mortos. Non hai estatísticas que cuantifiquen a escura dor das familias dos finados. Non pode habelas. Pero é doado adiviñar tras das cifras necrolóxicas a particular onda expansiva de cada pasamento.

   Nos medios escoitamos falar diariamente de todo cunha reiteración que máis parece ruído atronador ca información ilustradora. No entrementres, pode agromar, se as cifras de falecidos tornan transparentes as vidas coutadas, a única dimensión á que, raramente, miramos aos ollos: a dimensión relixiosa da existencia.

   A socioloxía da relixión sostén que hai persoas crentes e persoas increntes. Ou sexa, que ser ateo significa non ser crente. Non tal. Non é certo que os ateos non crean. Todos cremos. E os ateos tamén. O que sucede é que cremos cousas distintas.

   Crer que Deus non existe, ou acreditar na súa existencia, son dúas formas de crenza. E non hai crenza que non conviva íntimamente coa dúbida. Do contrario, esa crenza devén falsa evidencia. E xera idolatría. E así como hai espíritos idólatras e inquisitoriais entre os que acreditan na existencia de Deus, tamén hai un dogmatismo ateo moi seguro da súa arrogante e idolátrica negación. Simplificando un chisco poderiamos dicir que “relixión” é toda aquela posición práctica e teórica que adopta coma crenza verdadeira unha determinada opción respecto do Infinito Absoluto. E tal posición téñena tanto os que se din crentes coma os que, paradoxal e erradamente, se cren increntes.

   A pandemia que ronda os nosos fogares coa súa invisible gadaña fixo emerxer –coma nas épocas da peste negra (1347-1353), do terremoto de Lisboa (1755) o do tsunami do sueste asiático (2004)– a pregunta pola presenza de Deus ou pola súa clamorosa ausencia. É unha cuestión recorrente en épocas de crise cando algunha forma concreta de mal afecta masivamente a algún lugar do planeta. É curioso que, cando xermola a pregunta, só se lle esixa unha pública xustificación da súa crenza aos que acreditan en Deus, coma se os que cren na súa eventual inexistencia estivesen exonerados de dar razón da súa opción. En tempos de igualdade democrática parece lóxico esixir igualdade metafísica. Sobre todo porque o mal non distingue entre uns e outros, xa que a todos nos afecta por igual.
  
   Por iso afirmo que, acreditando en Deus, nada hai máis errado que concibilo coma unha entidade externa ao universo e indiferente á súa evolución. Coma se a súa acción intramundana se asemellase, ou ben –no peor dos casos– á imaxe dun neno que mutila insectos engaiolados nunha caixa, ou ben –no mellor intencionado– á idea dunha divindade milagreira que, convencida pola insistencia avogosa dos santos máis influentes, acaba cedendo ás nosas súplicas de rápida intervención curadora.


   Deus é a presenza manancial da que procede todo canto existe. De xeito que, recibindo del o todo do seu ser, a creación recibe tamén del a súa alteridade respecto da fonte infinita da que mana. Hai aquí unha clave ben seria para enxergar de xeito acaído a cuestión do mal.

   Deus nin permite o mal nin o quere nin é vencido por el. A autonomía da creación –que é distinta de Deus– é a condición de posibilidade de que nela poida aparecer o mal. E aparece. Pero a lóxica da confesión de fe cristiá dinos que todos temos en Deus –coma nos nosos pais cando somos afectados por calquera mal– non só a axuda permanente para superalo aquí e agora cando isto é posible, senón a nosa derradeira esperanza de trunfo final cando non é así. Porque cando o mal se fai insuperable –coma nas mortes por coronavirus, nos terremotos ou nos tsunamis– e aniquila toda esperanza intramundana, recibimos do kerygma a promesa da resurrección e a vida eterna.

   Acreditamos nela e enxergamos desde aí toda a nosa vida e a de todo o universo ou achamos máis verosímil a crenza que postula o imperio universal da nada e a hexemonía derradeira do baleiro metafísico?

   Velaí unha cuestión aberta que, obviamente, cada quen ha responder segundo crea. Na fasquía desa resposta estará a cerna da súa relixión nestes tempos de pandemia vírica.




Publicado en:




1 comentario:

  1. Es bien cierto que cada cual tiene sus creencias y todo el derecho a que sean de uno u otro modo, y que el padre sea cual sea nos acogerá igualmente como sus hijos amados...puede que la diferencia está en que los creyentes vivimos las situaciones difíciles de un modo diferente, con esperanza...
    Un fuerte abrazo Pedro!

    ResponderEliminar