Cristina Ordóñez Betanzos
Médico de Familia en Torrelaguna
Levo quince anos traballando como médico de
atención primaria na Comunidade de Madrid. Dedícome ás urxencias extrahospitalarias no Centro de Saúde de
Torrelaguna, situado a cincuenta quilómetros ao norte da capital. É un traballo
moi gratificante. O trato próximo cos pacientes e a súa contorna rural dan un
enfoque completamente distinto á típica visión
hospitalocentrista da medicina.
Esta mesma proximidade converteuse nunha arma de
dobre fío a mediados do pasado mes de febreiro, cando a pandemia do Covid-19 empezou a estenderse polo noso país,
con especial virulencia na nosa comunidade autónoma de adopción.
Por aquel entón advertíannos da chegada dun novo
virus, da familia Coronaviridae,
procedente de China. Debo confesar que, malia varias notificacións previas e algunhas
reunións para tratar o tema, non nolo tomamos, en xeral, moi en serio. Todos os
médicos estudamos na facultade esa familia de virus. En principio, non nos
parecía, xa que logo, nada novo. De feito, levamos varios anos recibindo
reiteradamente alertas sanitarias sobre cepas novas de virus respiratorios
procedentes do continente asiático que, afortunadamente, non causaron graves
danos na nosa poboación. Todos pensamos que esta era unha máis.
E así, durante todo o mes de febreiro —lembremos
que o estado de alarma non se decretou ata o 14 de marzo— atendemos nas nosas
consultas infinidade de cadros respiratorios leves sen ningún tipo de
protección, ignorando que moitos deles xa debían ser Covid-19. Naquel momento
comezaron os contaxios no persoal de atención primaria, algúns dos cales, por
desgraza, tiveron —e están a ter— un desenlace fatal.
A mediados de marzo a situación derivou no caos
coñecido por todos, alcanzando unha situación especialmente crítica: as
urxencias hospitalarias comezaron a colapsarse, as plantas de ingreso
hospitalario tiveron que ser destinadas practicamente a esta nova patoloxía que
cada día nos sorprendía pola súa agresividade, o seu curso rápido e fulminante
en anciáns e o seu impacto inesperadamente grave en persoas novas. As UCIs
empezaron a alertar sobre o seu nivel de saturación. Paralizáronse consultas
ordinarias, cirurxías e todo aquilo que non fose unha emerxencia ía ter que esperar
para máis adiante. A situación, como é ben sabido, converteuse en realmente
alarmante.
O noso sistema de atención primaria tivo tamén que
reorganizarse consonte a dous alicerces básicos. Por unha banda, o Hospital de
campaña de IFEMA, dotado con persoal de atención primaria e SUMMA. E polo outro, a atención urxente nos
distintos centros de saúde de toda a Comunidade, a fin de exercer de dique de
contención para identificar todos os posibles casos sospeitosos, realizar un
seguimento exhaustivo e rigoroso deles e os seus contactos, coa finalidade de
evitar que o imprevisto tsunami asolagase completamente o noso sistema
hospitalario.
Este segundo alicerce supuxo unha absoluta
reorganización de todo o noso traballo, de modo que diminuíron drasticamente as
consultas urxentes non respiratorias e o seguimento de pacientes con patoloxía
crónica. Dedicámonos case por completo ao novo virus, cunha vantaxe moi
evidente que tamén é un claro inconveniente.
No Centro de Saúde de Torrelaguna temos a sorte de
coñecer aos nosos pacientes desde hai moito tempo. Non son un nome ou un
número. Nós estamos nas súas vidas desde hai anos e eles tamén nas nosas. É
fácil ver por que esta vantaxe entraña tamén unha dificultade. E é que atender
impotentes a persoas familiares para todos os sanitarios do noso Centro de
Saúde implica unha sobrecarga emocional engadida ao drama da enfermidade en si,
aínda que tamén —hai que recoñecelo— proporciónanos estratexias de implicación
profesional para abordar esta pandemia de forma aínda máis apropiada a nivel
comunitario.
A cuestión é que desde mediados do mes de marzo
comezou un labor frenético a nivel sanitario. Todos estivemos abafados e
excedidos polos acontecementos, pero debo dicir que, inmediatamente, sen que
ninguén tivese que dicírnolo, soubemos que era o momento de dalo todo, de
traballar arreo, o dobre ou o triplo, de día ou de noite, sen preocuparse por
cuestións económicas nin recompensas nin incentivos de ningún tipo. Como tantos
outros sectores da nosa sociedade, respondemos todos a un tempo, sacrificando o
noso lecer, ás nosas familias e a nosa saúde. Eran os nosos pacientes os que
estaban a demandar axuda e sentimos que nos necesitaban máis ca nunca. Era,
pois, o momento de demostrar a verdadeira vocación pola medicina e o sentido
máis fondo da nosa profesión: tentar curar, aliviar e sempre acompañar.
Non somos heroes. Somos profesionais que facemos o
noso traballo, só que, agora, dunha maneira moito máis visible que noutras ocasións.
É sinxelo: se un ve que alguén está afogando e ninguén máis pode axudalo, un
tírase ao mar sen pensalo, aínda que non dispoña do salvavidas pertinente. Así
estivemos moitos sanitarios: sen “epis” e sen máscaras adecuadas. O drama
consistía en que estaban afogando miles de persoas á vez e non todas tiñan
cabida nos botes salvavidas. Este é o punto máis doloroso, o que vai tardar
máis tempo en cicatrizar, se é que algún día o fai de vez.
As mostras de agradecemento foron o noso sustento
durante moitos días, as grandes manifestacións de agarimo, pero tamén os
pequenos xestos. Sabemos que os afectos son moi volubles e que podemos pasar de
heroes a canallas en cuestión de horas. Non están moi afastados os tempos nos
que os médicos sufriamos agresións nos nosos postos de traballo. Con todo, hai
que recoñecer que foi realmente conmovedor ver a todo un país envorcado co
labor dos seus sanitarios.
Iso tamén quedará gravado
na nosa memoria para
sempre.
Pasamos moito medo, sobre todo ao principio, cando
os primeiros compañeiros comezaron a contaxiarse, algúns de extrema gravidade e
con desenlace fatal. Foi duro ir traballar pensando: será hoxe o día en que me
contaxie? Que vai pasar coa miña familia? Que sucederá cos meus compañeiros se
non podo seguir traballando?
Malia todo, a forza do costume é tremendamente
poderosa e a capacidade de adaptación do ser humano é asombrosa. Iso
permitiunos seguir adiante neste novo escenario sen que o medo nos paralizase,
pois este é o seu peor efecto: a atrofia instantánea ou a incapacidade para a
reacción inmediata.
Nos últimos días parece que foron diminuíndo os contaxios
e a presión sobre os hospitais, debido ás medidas de confinamento ordenadas
polo Goberno. Mentres os hospitais poden ir aliviando a súa carga, a atención
primaria estase a preparar para o que xa está vindo.
E é que nos vai a tocar realizar un labor
fundamental de previsión, de sentinela, pois somos o estamento máis acaído
entre os sanitarios para detectar os novos casos na súa primeira manifestación
e evitar, así, a súa propagación. Non temos aínda as ferramentas de diagnóstico
adecuadas. Poucas veces as tivemos, por iso hai quen di que somos “expertos
navegantes no mar da incerteza”. Estamos habituados a traballar con poucos
recursos, guiándonos pola clínica, polas nosas mans e por ese sexto sentido que
só pode desenvolverse coa experiencia.
Aínda así, espero que as autoridades nos doten de
suficientes probas diagnósticas para poder realizar un labor impecable. Pola
nosa banda, seguimos controlando, cunha estrita vixilancia, aos pacientes que
foron dados de alta e aínda lles agarda un longo período de convalecencia.
Tamén aos casos leves, por se aparecen signos de alarma.
En fin, estamos moi involucrados nun acompañamento
continuo, porque a soidade é, ás veces, peor que a propia enfermidade e o
sentir que o teu médico —a quen coñeces— está ao teu lado sempre, a calquera
hora, para aconsellarche ou simplemente escoitarche é, ás veces, a mellor
medicina. Un compañeiro dicíame hai uns días: “somos os primeiros en chegar, os
últimos en irse e non facemos demasiado ruído”.
Teñan por seguro que todos os sanitarios, pero
especialmente os de atención primaria, sempre estaremos aí onde máis se nos
necesite. E en momentos críticos coma este aínda máis se couber.
Emocionante e impresionante artígo. Moitas gracias Cris. Moita saudiña para todos. Xa falta menos.
ResponderEliminarNuestro apoyo y agradecimiento a tod@ el personal que está en primera línea, en especial al sanitario..Gracias!
ResponderEliminar