sábado, 18 de abril de 2020

Domingo da Misericordia


Misioneros Redentoristas de España | domingo II de Pascua

     Imaxino unha fotografía que reflexe a actualidade ou un vídeo que recolla 10 minutos de como vivimos hoxe a situación actual. Rúas case valeiras, que nos din que a xente está confinada nas casas; comercios, cafeterías, salas de reunión pechadas; algunha persoa que sae co can ou ao mercado,... E con todo, esta imaxe non recolle o estado no que nos atopamos: a esperanza ou desesperanza, a confianza ou o temor, a alegría ou a tristura. Tampouco manifesta cal é a nosa actitude: se camiñamos todos nunha mesma dirección ou se cada un segue os seus propios criterios e toma as súas propias decisións, con independecia total dos demais. 




  A primeira lectura tomada de Feitos 2, 42-47 é como unha fotografía dunha comunidade ideal: 


" Eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais. Todos os crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un. Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo."

    Estos días escoitamos falar do despois do Coronavirus, de como esta pandemia mostra as nosas limitacións e, especialmente, o noso individualismo e egoísmo. Oímos dicir que o estado no que vivimos ten que facernos madurar e descubrir que é o realmente importante na vida. Tamén oímos que na crise do 2008 dicíase o mesmo e que en pouco tempo volvemos ao de sempre. O de sempre é ese individualismo, a indiferencia, a cultura do descarte dos máis débiles e vulnerables, a búsqueda de confort por encima de todo, a confrontación estéril, ... 


    A comunidade ideal que expresa a pasaxe dos Feitos dos Apóstolos non é froito do azar. Pódese dicir que detrás hai tada unha crise que levou aos apóstolos a dispersarse e a volver á vida anterior, marcada pola falta de esperanza e a monotonía. Un tempo atrás está a morte de Xesús, quen era a esperanza de Israel. Un tempo atrás está a traición, a negación, o abandono, a condena e a morte, a maior das crises. Pero tamén está a alegría da mensaxe das mulleres cando voltan do sepulcro, que atopan valeiro. E os encontros que se suceden, nos que os discípulos se atopan con Xesús Resucitado. Hai como unha mezcla de sucesos que van a ser os que transformen unha comunidade dispersa e dividida, nunha comunidade unida e viva portadora da mellor e máis importante mensaxe: Cristo Resucitou. 

     Na pasaxe do evanxeo (Xn 20, 19-31) un dos protagonistas é Tomás e ten moita forza no texto a frase "NON ESTABA CON ELES". Non estaba con eles cando estaban reunidos, pechados e con medo, e Xesús se presenta no medio, como punto de referencia e de unidade. Non estaba con eles cando Xesús lles transmite por dúas veces a paz, ou o que é o mesmo, a armonía, a serenidade, a tranquilidade e a confianza. Non estaba con eles cando Xesús mostra o sinal dos cravos nas mans, nos pés e no costado. Non estaba con eles para participar da alegría do encontro co Resucitado.



Tomás é prototipo de moitos de nós na actualidade. Non estaba con eles significa que, despois da morte de Xesús, volveu a vivir a súa vida, sin contar coa comunidade da que formaba parte. E vivir aparte fai que nos perdamos o gran acontecemento e que non o poidamos celebrar. Cando me pecho en min mesmo non podo participar da experiencia da comunidade. Dicimos ás veces que "eu podo ter fe e ser máis crente que ninguén, sen a Igrexa"; e ninguén duda da fe persoal pero, non é nas experiencias persoais, íntimas, pechadas e egoístas onde atopamos a Xesús Resucitado; senón que o atopamos na Palabra compartida, no Pan repartido, no amor e na misericordia que une aos irmans nunha comunidade de vida.

     A Resurrección sigue sendo a nosa gran noticia que vivimos en comunidade; e, á súa vez, é o acontecemento que transforma unha comunidade dispersa nunha auténtica comunidade. A Igrexa é froito da Resurrección, é froito da Pascua. Xesús achégase para dicirnos a todos: a paz convosco. É a Resurrección, é Xesús Resucitado quen de transformar as nosas comunidades moitas veces divididas, dispersas, cansadas,..., nunha nova comunidade ao estilo da que se nos mostra nos Feitos dos Apóstolos, comunidades que escoitan, comparten, atenden, aman,...

     "Meu Señor e meu Deus" é a confesión ou expresión de fe de Tomás, logo de atoparse con Xesús no medio daquela primeira comunidade. Celebramos o Domingo da Misericordia. O Señor móstranos a través do seu costado traspasado o seu corazón e o triunfo do amor e a misericordia, que cada día e, especialmente, os domingos vivimos en comunidade. Con Tomás eu tamén quero rezar: "Meu Señor e meu Deus".

Feliz Domingo



















No hay comentarios:

Publicar un comentario