jueves, 9 de abril de 2020

Necesita que o acompañen no sufrimento


    Teño vagos recordos dese momento, de cando vin por primeira vez a imaxe triste no rostro dun home que se presentaba axeonllado a carón do Anxo e en compaña doutros homes que semellaban durmidos. Era o paso exposto durante a Semana Santa que representaba a escena no horto das Oliveiras de Xesús cos discípulos e o Anxo.
Contaba eu con catro ou cinco anos cando meus pais, como de costume, nos levaron a velo. Lembro que mentres o observaba,  intentaba entender o porqué desa escena; o Anxo no alto e un home mirando aló con xesto de angustia mentres que os outros permanecían inertes. Meus pais explicáronnos que aquel home era “Noso Señor” que se preparaba, fortalecido polo Anxo, para a chegada da súa inminente morte. Con este feito salvaríanos a todos.
    No transcurso dos anos fun entendendo a situación, mais parecíame contraditorio como o Domingo de Ramos celebrabamos con ledicia a entrada de Xesús en Xerusalén vitoreado por unha multitude de xente que o loaba, e tempo despois, no peor momento da súa vida, aparece representado nese paso completamente en soidade.
    Nesta situación angustiosa, antes de ser prendido, xulgado e asasinado, decide rodearse dos máis achegados, os discípulos, no horto das Oliveiras. Necesita que o acompañen no sufrimento e requírelles permanecer en alerta para afrontar o que vai vir. Colle a Pedro, Xoán e Santiago, confésalles o seu medo nese momento e pídelles que se manteñan espertos con el. Así e todo, estes quedan durmidos. O Mestre encóntrase só.
   Xesús ora co Pai, momento de diálogo íntimo que serve para calmar a aflición. Só El lle pode dar o consolo necesario. Deseguido ponse nas súas mans. A noite pasa, está preparado para enfrontarse a todo o calvario que lle agarda.
   A necesidade de acompañamento nos momentos duros da vida é algo natural no ser humano e vese aquí reflectida. Nos tempos complicados que vivimos precisamos sentirnos acompañados para romper coa soidade e sentirnos protexidos. Ter presentes nas nosas oracións aos semellantes que o están a pasar mal é o punto de partida para conseguilo. Deus protéxenos sempre.
Forza!                                                             
                                                                                            Lucía Parada
Catequista de 3º de Primaria







2 comentarios:

  1. Muy acertado, todo ser humano teme el dolor y la muerte..Jesús cómo hombre tuvo que tener los mismos miedos, pero al contrario que el resto de la humanidad no sólo venció sus miedos..se entregó por nosotros, para que nunca nos sintiéramos solos e indefensos..🙏❤

    ResponderEliminar
  2. Moi ben Lucia, bonita reflexión sobre Jesús na que necesitou retirarse
    cos amigos, pero eles durmironse e El estuvo solo orando no horto o Pai. Oxala a nos, non nos deixen, nin deixe os solos a quen nos necesite

    ResponderEliminar