domingo, 12 de abril de 2020

Unha Pascua diferente


PASCUA, RESUCITAR A UNHA NOVA VIDA
Esta Semana Santa non foi unha máis. A COVID-19 fíxonos vivila dun xeito diferente a outros anos.
Non nos reunimos na igrexa para celebrar os actos litúrxicos destas datas nin acompañamos os pasos procesionais polas nosas rúas e prazas. Pero, aínda que non podemos estar xuntos fisicamente, si estamos unidos na fe e na oración, e podemos compartir os nosos sentimentos e as nosas experiencias a través doutros medios, sentíndonos así máis en comuñón.




Agora atopámonos festexando xa a Pascua. A Paixón e Morte de Xesús que conmemoramos estes días pasados teñen sentido contempladas á luz da Resurrección. Esta é o fundamento da nosa fe e a que infunde nos nosos corazóns a alegría e a esperanza.

No Evanxeo vemos como o Anxo do Señor lles di ás mulleres que foron ver o sepulcro de Xesús: “Non está aquí; resucitou, segundo dixera. Vinde e vede o lugar onde estaba” (Mt 28, 6). Cristo morreu, pero non quedou no sepulcro, senón que resucitou. Pasou da morte a unha vida nova. E, para poder acadar esa vida nova, deixounos como exemplo a súa: unha vida de entrega e amor sen límites, na que non teñen cabida ningún tipo de egoísmo nin rancor.

Resucitar, pois, é cambiar de vida, entrar nunha vida diferente. E, en certo modo, é o que está a acontecer actualmente. Vivimos uns tempos difíciles, atopámonos ante un futuro incerto, pero non perdemos a esperanza. Estamos preocupados polo que poida pasar co noso traballo ou coa nosa saúde e a dos que queremos, mais agora valoramos máis eses pequenos detalles que fan que a vida sexa un pouco mellor: unha caricia, unha aperta, un bico, poder reunirnos cos nosos. Sentimos tamén con ledicia como xorden en nós ou se fan máis fortes os sentimentos de irmandade e solidariedade.

Se a situación pola que estamos a atravesar serve para que nos decatemos do que verdadeiramente paga a pena e broten dos nosos corazóns os mellores sentimentos e afectos, transformados en boas obras cara os demais, xa estaremos a dar o paso para resucitar a unha nova vida.


Feliz Pascua de Resurrección!

José Francisco Fernández

Coordinación e organización da Catequese

1 comentario:

  1. FELIZ PASCUA DE RESURRECCIÓN PARA TI TAMBIÉN J. FRANCISCO, Y PARTODOS!🥰🥰😘😘

    ResponderEliminar