jueves, 9 de abril de 2020

XOVES SANTO. ÚLTIMA CEA


    Estamos vivindo momentos difíciles dos que non eramos conscientes ata que esta situación se nos veu enriba. En poucos minutos parece que o mundo parou e deu un xiro de 180º ás nosas vidas. Nese intre, non nos deu tempo a asimilar que tiñamos que parar de facer cousas das que agora temos morriña e que valoramos con gran intensidade como dar un bico, un abrazo, visitar e facer compaña aos nosos seres queridos, quedar cos nosos amigos e amigas, falar en persoa cos veciños, entre outras. E non só iso, senón que no día a día vivimos preocupados e angustiados pensando en que as vidas das persoas ás que máis queremos poden estar en perigo. Esta situación provoca en nós ter moito máis presente a Deus para que nos proporcione esa dose de bos sentimentos e forza que necesitamos para superar calquera circunstancia. Non obstante, o feito de ter que quedar na casa axúdanos a compartir momentos especiais coa familia que por mor do traballo e os quefaceres do día a día non era posible. Hoxe, día de Xoves Santo, é importante aproveitar un tempo para dedicarllo á oración en comuñón coa nosa familia, farémolo dunha forma diferente á que estamos afeitos pero igual de importante porque aínda que esteamos separados uns dos outros permanecemos unidos. 

     O Xoves Santo é o primeiro día do Triduo Pascual no que celebramos a institución da Eucaristía, eixe principal e fonte da nosa Fe e Caridade. Tamén conmemoramos o día do Amor Fraterno dado que non podemos entender a Eucaristía separada do amor aos irmáns e irmás, un amor que se manifesta a través do servizo humilde e gratuíto ao estilo de Xesús. Ese amor que nestes días o persoal sanitario mostra ao arriscar a súa vida por salvar a dos demais, o que denota cada persoa quedando confinada na súa casa como un xesto de solidariedade e ben común, o de todos aqueles que miran polo benestar dos outros e, non podemos esquecer, especialmente neste día, o servizo de Cáritas que sempre está presente, apoiando e axudando aos que máis o necesitan. Este amor é o que nos fai grandes persoas porque como xa dicía San Agustín “Co amor ao próximo, o pobre é rico; sen o amor ao próximo, o rico é pobre”. 

     Na Última Cea, Xesús compartiu pan e viño que desaparecen para dar vida a quen os come. Este é o signo máis expresivo do que foi a súa vida: unha vida entregada polos demais. Do mesmo xeito que na Cea Pascual do libro do Éxodo se lles aclaraba aos comensais o significado do cordeiro, as verduras amargas,...Xesús tamén lles explicou aos seus discípulos: “Este pan é o meu corpo que se entrega por vós; facede isto en memoria miña (...) Esta copa é a Nova Alianza sellada co meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña” (1 Cor 11, 24-25). Con isto, Xesús transmítenos que non é un simple xesto ritual senón que da mesma maneira que para El foi a celebración dunha vida entregada, debe ser tamén para os fieis que o repitan e compartan. Trátase de vivir como Cristo viviu, e logo celebrar a nosa vida entregada igual que El o fixo. 

    Outro dos xestos simbólicos presentes na Santa Cea é o lavatorio de pés no que Xesús manifesta que “non veu a ser servido, senón a servir” (Mt 20, 28), principalmente, ás persoas excluídas e ós máis débiles. Debemos seguir o seu exemplo e estar sempre ao servizo das persoas que máis o precisan. 

    Por iso, non nos podemos esquecer de todos os enfermos que sofren e que no seu horizonte lles falta a esperanza da saúde, en especial, os afectados polo COVID-19. Estamos ante momentos moi duros, sobre todo, para aqueles que falecen sós e co sentimento de impotencia ao non poder estar coas súas familias nas últimas horas de vida. Isto, lémbranos á soidade, á tristeza agónica, ó tedio e á angustia que viviu Xesús en Xetsemaní, na Horta das Oliveiras, antes de ser arrestado e, posteriormente, crucificado para dar a vida por todos nós. 

Tamén temos presente a todos os nosos maiores que son o grupo máis vulnerable que necesita do noso coidado, da nosa actitude positiva e agarimosa e da oración. Por iso, é unha boa iniciativa achegalos ao Evanxeo e ás mensaxes transmitidas na páxina web da nosa parroquia, ben sexa a través dos dispositivos móbiles ou imprimíndoas en papel, para darlle esa forza que necesitan. 

Tampouco descoidamos a todas as familias que sofren pola enfermidade ou perda dun ser querido, á xente pobre que non dispón dos recursos básicos, ás persoas que viven soas e abandonadas, ós inmigrantes que chegan en busca dun mundo mellor e son renegados, ás persoas maltratadas, illadas e esquecidas, a aquelas que non teñen traballo debido á crise sanitaria ou por outros motivos, etc. 

Para finalizar, malia que son tempos complicados para todos e todas, debemos sacar os nosos medos para fóra e pintarnos de Cor Esperanza tal e como di a canción de Diego Torres. Os máis pequenos dende as súas casas xa no lo veñen demostrando cun sorriso cargado de soños e ilusión, coa actitude de que todo vai saír ben e con esa alegría coa que participan nas actividades que, á súa vez, nos amosan os grandes artistas que son! Aproveitemos esta nova experiencia que nos toca vivir coas nosas familias na que o amor non falte porque “O amor supera a dificultade; o amor fainos seguir adiante” (Papa Francisco).


Uxía Basoco
Catequista 1º PRIMARIA



1 comentario:

  1. Como bien dices en la última cena Jesús compartió el pan con sus discípulos...hoy estoy de acuerdo que compartir el dolor, la soledad..es el alimento mas necesario en esta situación que nos tocó vi🙏🙏

    ResponderEliminar