Foto copiada do cartel de www.empresariosriveira.com |
É o primeiro domingo de maio, día da nai, das nosas nais. Data sinalada no calendario como festa de agarimo para tódalas nais, que como MARIA, están coidando dos seus fillos con máis forza ca nunca, ante o perigo de infectarse. Tratan de asumir a “nova realidade “ que nos espera nestes duros meses, levando no seu interior a cruz que nos tocou vivir este ano 2020, e como MARIA, tratan tamén de ser consolo e esperanza dos mais indefensos, que son os nenos.
Á miña nai (xa non sei canto tempo vai) so a vexo desde a fiestra , ou como moito desde as escaleiras da casa, a metros de distancia. Fai uns días dicíame despedíndose que “isto parece un mal sono, non me podo crer que esté pasando”. Mandeille un bico desde a distancia e mentres facía o camiño á casa pensei que a xeración da miña nai merece non só un día especial, merece unha eternidade de gratitude.
Unha xeración de nais que nos anos 60-70 cásanse para formar unha familia e o primeiro que lles toca nesa época é ver como os maridos emigran para traer o sustento á casa. Elas teñen que facer de pais e nais durante moitos anos, e fixeron algo que nunca se puxo en valor: xestionar a economía familiar, que non é só a xestión dos cartos (pesetas) para a compra diaria, senón a inversión que fan deles para un futuro: pisos, fincas, locais, contas de aforro para os fillos, ..., sempre na procura dun mellor futuro dos seus fillos. Esas nais, educadas nun país en nun momento que todo o que podían aspirar era ser unhas nais exemplares e amas de casa. Dicíame estes días unha boa amiga: “Javi, quedei viúva con varios fillos e tiven que sacalos adiante eu soa”. As nais son dunha pasta especial.
E no seu camiñar tócalles vivir a transición. Teño claro que estas nais tiveron un papel moito mas importante que o que se lles outorgou (non pertencían a ningún tipo de movida artística o política ). Eran nais de familia, si, pero seguro que influíron en moitos maridos para axudalos a superar o medo a esa nova realidade que se lles abría, que era a DEMOCRACIA. Elas mantiveron a estabilidade familiar. E os fillos medramos nun novo país, con dificultades que moitas veces nin nos decatamos, porque para iso estaban as nosas nais, para facer que foramos o máis felices posibles, e todas tiñan esta frase: fillo estudia que para ser alguén o día de mañán. Lembro un día que miña nai, vendo o que me costaba estudiar, sentoume na mesa do comedor e colleu un dos libros da enciclopedia (o noso internet e google da época), e leume a biografía de Ramón y Cajal, que se chamaba Ramón, coma min. Dicíame que estudiara moito para ser un gran médico coma el e facer grandes cousas. Así eran as nosas nais. A miña nai, lista como é, e vendo que non podía ser doutor, animoume a aprender un oficio. Sobra dicir, que a primeira pedra da empresa que teño, púxoa miña nai .
E os fillos casamos, e tivemos fillos, e aí estaban de novo as nosas nais para botarnos unha man. A miña xeración foi a de traballar os dous, e mentras os pequenos non podían ir a o cole, con que quedaban? Pois, coas nosas nais que recibían a seus netos con todo o cariño.
E chegaron á xubilación, apuntándose a eses viaxes do inserso para desfrutar de 15 días nos que por primeira vez na súa vida, non tiñan que limpar, facer de comer, recoller, ... Só tiñan que desfrutar do que merecidamente gañaran. Contábame miña nai na súa primeira viaxe (nunca foran de vacacións , é máis, nunca os vin ir comer ou cear fora de casa, só cando iamos á praia ou ao monte toda a familia ca comida feita da casa), que se sentía estraña vendo que o tiñan todo feito, e só tiñan que desfrutar da viaxe.
E chegou a crisis bursátil, e aí estaban eles unha vez máis para tirar do carro, con fillos en paro e outras situación de todos coñecidas. Aí estaba miña nai dicíndonos: “fillos, se tedes algún apuro dicideo, que algo temos aforrado e dentro das nosas limitacións podemos axudarvos”. Foron a xeración do aforro, ese aforro que nos inculcaron sempre pero que nos esquecemos cando o capitalismo máis bestial, ese becerro de ouro nos dicía porque non vas vivir mellor? Que para iso estamos os bancos, que somos os vosos amigos,... O mesmo capitalismo que os timou cas preferentes, timou a unha xeración que tiña no seu ADN o aforro, ese mesmo capitalismo que ca complicidade da sociedade nos preparou os asilos para aparcar aas nosos pais e nais, para podermos vivir nós sen ataduras de ter anciáns nas nosas casas que nos condicionaran. Residencias que agora nos damos de conta estaban ao servicio do maior rendemento económico. Dicía sempre a miña sogra: “así coma trates aos teus pais te trataran a ti os teus fillos”.
E aquí nos atopamos coas nosas nais pechadas na casa, porque este maldito virus cébase en especial con eles. E agora o mellor regalo que podemos facerlles é coidalos, dar o máximo que poidamos para que podan desfrutar unha boa nova normalidade para eles.
Hoxe, mentres facía a miña oración no templo, pedíalle á nosa nai, MARIA, que lles dera forza a todas as nais co seu espírito misericordioso. Ao saír, parei diante da casa dos meus pais, e alí sentado onda as escaleiras preguntáballes se ían saír a dar unha volta, xa que é o primeiro día que poden. “Fillo, mellor vamos a esperar un pouco máis; é mellor quedar na casa”. “Como che apeteza mamá, o que fagades ti e papá, coma sempre, ben feito está. E coa miña man posta na mascarilla, mandeille un bico polo aire .
Feliz día da nai, e que este mal sono remate o máis pronto posible .
Javi Millán
Coordinador de Catequese de Confirmación
Javi Millán
Coordinador de Catequese de Confirmación
Coa Virxe María cantamos a todas as nais
No hay comentarios:
Publicar un comentario